As NNTT na educación

 

Ola de novo terrícolas! A continuación, as 3 marcianas imos comentar as nosas experiencias coas Novas Tecnoloxías, a importancia que tiveron as mesmas na nosa educación e trataremos algúns aspectos importantes sobre elas. Para as marcianas Iria e Irene as Novas Tecnoloxías tiveron un papel moi parecido ao longo da súa educación, a pesar de pertencer a centros bastante diferentes. Para elas en Educación Infantil e Educación Primaria estas tecnoloxías non foron practicamente utilizadas, a excepción, nalgúns momentos puntuais, para o profesorado. No caso de Irene é certo que o centro dispoñía dunha revista anual, onde se englobaban todos os proxectos do alumnado, pero era, na súa maioría, o profesorado o que se encargaba da mesma. Ademais, nas clases, o profesorado tampouco utilizaba ningún recurso dixital, como poden ser, presentacións, vídeos, curtametraxes ou imaxes. Na Educación Secundaria Obrigatoria, con todo, isto cambiou lixeiramente xa que debido á implementación de computadores individuais nas aulas para o alumnado de primeiro e segundo da ESO, empezamos a ter un primeiro achegamento coas tecnoloxías. A pesar desta situación, os computadores tampouco tiveron o uso esperado, xa que a maioría de profesores preferían métodos máis individuais e unicamente se usaban de cando en vez. En terceiro e cuarto da ESO este uso tampouco aumentou, pois nestes cursos unicamente tiñamos acceso aos computadores nas aulas de informática, que estaban moi solicitadas e case non podíamos empregar. Finalmente en primeiro e segundo de Bacharelato este consumo aumentou considerablemente, comezamos a traballar con programas de cálculo para materias como Economía e mesmo, no caso de Iria, a realizar unha revista dixital para Literatura Universal. Todo isto só foi un anticipo do que sería 2º de bacharelato, xa que debido á Pandemia o uso das tecnoloxías foi imprescindible, e a pesar de non empregar os recursos dixitais ao longo da nosa educación, tivémonos que adaptar e aprender. No caso da marciana Inés, pola contra, tiveron maior importancia. Empezando con primaria, o colexio onde estudou era un colexio rural con moi poucos alumnos. A pesar de que se adoita crer que nestes colexios se utilizan menos estas ferramentas foi onde a ela máis llas inculcaron. Neste centro, aínda que non tiñan gran protagonismo, ensinaban a manexar algúns programas básicos e a utilizalos nos traballos. Tamén realizaban actividades menos comúns con axuda dos profesores como gravar os seus propios audiolibros ou xogar con videoxogos educativos. En secundaria comezou a utilizar máis as tecnoloxías de forma máis independente. Estas ferramentas pasaron a ser imprescindibles para a realización dos traballos pero non se tiñan tan en conta dentro da aula para realizar actividades interactivas. É certo que a maior parte dos profesores apoiáronse en maior ou menor medida nestes utensilios, xa sexa para proxectar o libro, poñer unha película, un vídeo… Nesta etapa os alumnos empregábanas para facer os traballos escritos pero tamén as tiñan moi presentes cando tiñan que expoñer eles a materia, pois por norma xeral todos facían unha presentación visual con imaxes e vídeos. O primeiro curso de Bacharelato foi igual que a ESO no respectivo ao uso das tecnoloxías, pero en segundo de Bacharelato, coa chegada da pandemia, tivémonos que adaptar. Como é de supoñer, no caso de Inés, as TIC adquiriron todo o protagonismo, aínda que foi un pouco complicado debido a que nin alumnos nin profesores estaban preparados para iso. Neste punto, o máis destacable das Novas Tecnoloxías foi que os traballos de investigación e opinión adquiriron moita máis importancia que a memorización. No caso de Inés e Iria o máis destacable que lle deixaron as NNTT foi que, a pesar da escasa presenza na súa vida, comprenderon que son de gran importancia, sobre todo na vida actual e que é un método para aprender moi eficiente. 

Comentarios