Ola, son a marciana Inés. Eu nacín o 27 de xullo do 2002 así que só teño 18 anos. Vivo nun pobo costeiro da provincia de Pontevedra chamado Sanxenxo. Estudei alí a Educación Primaria, nun colexio rural moi pequeno, e a Educación Secundaria Obrigatoria, nun instituto semiurbano que aínda que era máis grande tampouco tiña moitos alumnos. Ao acabar estes estudos vinme a Pontevedra a facer Bacharelato nun instituto moito máis grande. A pesar das diferenzas entre estes tres centros a miña experiencia coas Tecnoloxías de Información e a Comunicación foi moi similar en todos. Na miña opinión, os profesores non lles sacaban todo o proveito que poderían, pero aínda así os alumnos adoitabámolas utilizar a miúdo para realizar os nosos traballos e presentacións tentando innovar. Falando un pouco sobre os meus gustos, encántame ver series, especialmente as de misterio ou ciencia ficción. Estou nun grupo de pandeireta e baile tradicional case desde que aprendín a andar. Gústame moito facer manualidades e tamén ganchillar e coser.
Ola! Eu son a marciana Irene, actualmente teño 18 anos, nacín o 27 de xuño de 2002. Vivo nun pobo que pertence á provincia de Pontevedra, chámase Caldas de Reis, é moi coñecido polas súas características augas quentes e por pertencer ao Camiño de Santiago. Neste mesmo lugar estudei Educación infantil e Primaria, a ESO e Bacharelato, pero en diferentes centros. O meu colexio de Educación Infantil era rural e moi pequeno, todos os nenos e nenas de 3 a 5 anos estabamos xuntos na mesma aula. Desta etapa lembro que lle dedicabamos moito tempo a xogar, tanto nos computadores como ao aire libre. En Educación Primaria e na ESO estiven noutro centro moito máis grande e con moitos máis nenos e nenas, pero ata 5º e 6º de Primaria non lle demos importancia ás Novas Tecnoloxías, con computadores nas clases. Por último, en Bacharelato estudei nun centro un pouco máis pequeno, pero foron os anos nos que as Novas Tecnoloxías tiveron a maior importancia, pero non a suficiente, por iso teño que admitir que sigo sendo un pouco torpe neste ámbito. Para finalizar, gustaríame falar sobre as miñas afeccións e gustos. Encántame a pintura e a arte, fun durante moitos anos, cando era máis pequena, a clases de pintura e fixen moitos cadros, ademais, gústame o deporte, en especial a ximnasia rítmica, ler, escoitar música e ver os atardeceres.
Ola terrícolas! Eu son a marciana Iria e nacín o 2 de Xaneiro de 2002, polo que teño 19 anos. Son de Pontevedra cidade pero vivo nunha casa nos arredores. Pasei toda a miña vida nesta cidade aínda que cando era pequena mudeime desde un piso máis céntrico á casa actual que teño agora, máis amplitude perfecta para tempos nos que saír de casa é complicado. Pasei por dous centros escolares ben diferentes ao longo da miña vida, o primeiro concertado e relixioso e o segundo público e bastante máis pequeno. No centro concertado cursei Ed. Infantil e Ed. primaria e hei de dicir que a miña experiencia non foi do todo boa, ao ser de pago a variedade cultural era practicamente nula e estaba como nunha burbulla a parte do que era a sociedade actual. Por tanto, na Educación Secundaria Obrigatoria decidín cambiarme a un centro público, onde cursei toda a ESO e o bacharelato. Foi aquí onde empecei a entrar en contacto coas Novas Tecnoloxías aínda que non foron aproveitadas todo o que poderiamos xa que a miúdo os alumnos nas aulas de informática non traballaban como debían e como consecuencia case non usabamos estas ferramentas. Finalmente, mencionando un pouco sobre os meus gustos persoais, encántame facer deporte, principalmente xogar ao baloncesto, así como escoitar música e ver a televisión. Doutra banda, tamén teño uns hobbies un tanto curiosos para alguén da miña idade e é que me apaixona a cociña e a costura.
Comentarios
Publicar un comentario